domingo, noviembre 26, 2006

Polo Incio con Anxel Fole...


"O Pazo de Lucencia foi feito no século XVII. Como autros moitos pazos, quedóu sin rematare, e fóronselle engadindo partes nos outros sigros. Polo que sentín contar, había eilí unha torre-fortaleza do sigro XV.
A fábrica é de pizarra i os marcos das portas, fiestras e balcós, de marbre do país. Ten moitos balcós de ferro, masi ningún de pedra. Por cada balcón hai polo menos tres xanelas. É dos poucos pazos que non teñen solaina. Como está en sitio ben costoso, por unha banda ten dous pisos, e por autra tres. A entrada principal é pola banda do norte. Moi sinxela, sen adornos de ningúa cras, cáseque parez máis ben unha pendella que o pórtico dun pazo. Frente por frente da gran entrada cuberta, está a capela. É de pranta redonda e ten no cimo do tellado, tamén redondo, unha luceira ou linterna, o que lle dá, vista de lonxe, certa facha de igrexa rural rusa".
(Terra Brava)

NOTA: A foto corresponde ao Pazo de Dompiñor pero é seguro que a descrición do Pazo de Lucencia se inspira nel.

" A eirexa do Hospital é unha eirexa románica, pequena, mais moi fermosa, de marbre azuado do país. Nas beiras do adrio, hai dúas torres arredadas da aeirexa, cas paredes cheas de hedra. Vese que en tempos antigos eran moito máis altas, e que se caíra a parte cimeira, ou lles foran rebaixando. Unha é hoxe campanario i a outra está convertida en panteón dos señores da casa da Pobra. A eirexa foi fortaleza dos Hospitalarios, que gardaban o antigo vieiro de peleriños que pasa por eilí, e que, según sentir decir, vai collelo chamado Camiño Francés non lonxe de Rubián de Cima. Drento da eirexa pódese ver o sartego dun Comendador da Orde. O adrio é sombrizo con castiñeiros e concheiros i un gran eucalipto ó pe do panteón".
(Terra Brava)