miércoles, agosto 09, 2006

Caranyosis (Karagkiozis): o teatro de sombras grego


O teatro de sombras Caranyosis (do turco kara "negro" e göz "ollo", é dicir, "ollos negros", polo tanto "pícaro e malvado") é o mellor exemplo de teatro e diversión popular en Grecia desde os inicios do século XIX. As orixes desta forma de teatro son claramente asiáticas e parece que nace ao redor do século I na India e en Malasia. Co paso dos séculos estendeuse por toda Asia e chegou ata as costas mediterráneas co avance turco, a partir do século XIV, onde se adaptou ao espírito grego, sobre todo en Constantinopla.
Caranyosis é o personaxe principal, agudo e pícaro súbdito do sultán, ás veces rico e ás veces pobre, bo patriota grego, defensor dos débiles, amable e odioso segundo as circunstancias. Ao seu redor, aparecen personaxes como Colitiris, fillo de Caranyosis, Barba-Yiorgos, montañés únicamente preocupado por atopar muller e casar, Jatsidiabatis, turco, é a besta negra de Caranyosis, Sior Dionisos, elegante pretencioso, Morfoniós, intelectual pedante, Alexandre Magno, anacronismo notable pero que interactúa con todos eles, a Serpe Maldita, etc.
Ao principio as marionetas estaban feitas con pel de camelo untada en aceite e coloreada, hoxe fanse de cartón recortado ao que se lle engaden teas de cores. Hainas tamén de madeira, latón e mesmo as teño visto de plástico. Sobre unha pantalla iluminada -o berdé-, os actores "xogadores de Caranyosis", en grego, móvenos con dous ou tres pauciños e interpretan todas as voces. A música nunca falta, xa sexa cunha pequena orquesta ou cun disco.
A miña experiencia dime que esta tradición segue a estar viva, de feiro a televisión programa aventuras de Caranyosis en horario matinal e en Plaka teño visto un xardín, onde todas as noites hai representacións. Asegúrovos que sempre o vin cheo.